|
DEPORTES, CULTURA E TURISMO
Dentro das actividades culturais o concello vén organizando anualmente
unha variada programación na que se inclúen teatro, música, folklore,
charlas, maxia, humor..., ó abeiro de convenios suscritos con outras
administracións.
Como complemento ás actividades descritas, a Asociación Cultural "O
Picato", organiza, tamén anualmente, outras no ámbito municipal, entre
as que cabe destacar a Cabalgata de Reis, Os Carnavais, a Semana
Cultural e o Magosto. Conta asimesmo con grupo de gaitas e baile
rexional.
Outras actividades formativas e lúdicas lévanas a cabo a Asociación de
Mulleres Rurais "Marco da Pena Verde" e a de Pensionistas e Xubilados -
UDP- "Santa María de Trabada" dentro dos seus respectivos colectivos.
Polo que respecta ó deporte contamos coas escolas deportivas
municipais, dándolle ós distintos colectivos a oportunidade de
practicar variadas disciplinas deportivas, (fútbol, fútbol sala,
baloncesto, tenis, ximnasia de mantemento, aeróbic, atletismo ...).

O pavillón de deportes dispón dunhas modernas instalacións nas que non
falta un ximnasio totalmente equipado, incluída unha sauna.
Remodelación importante levouse a cabo recentemente nas piscinas
municipais e no campo de fútbol, o que tivo unha moi favorable acollida
por parte da cidadanía.
Con todo, dentro do deporte municipal, o seu buque insignia é desde a
súa fundación no ano 1997 o equipo de fútbol sala "Concello de Trabada
F.S.". Campión provincial na tempada 1997-1998, campión liga autonómica
tempada 1999-2000. Representou a Galicia no campeonato de España de
Autonomías. Militou na liga nacional e na actual tempada disputa a liga
autonómica.
Dentro da segunda quincena do mes de agosto organízase o "Memorial
Celso Currás" de fútbol sala na capitalidade municipal, en recordo e
como recoñecemento a unha das persoas máis ilustres e preclaras na
historia deste concello. Este torneo, chamado a ser un referente a
nivel nacional na época estival, contou este ano, entre outros, con
equipos da talla deportiva do Caja Segovia, Ram León, Azkar Lugo e
Burela-Pescados Rubén.
|